Concerto das Letras Galegas 2022
Vivimos todos unha fermosa xornada chea de emocións, na que os intérpretes fixeron visible a música dos compositores e compositoras galegas, os pasados e os actuais, e na que reivindicamos a súa música como parte da nosa cultura e o noso patrimonio. Escoitamos música das especialidades de guitarra, piano, gaita, fagot, acordeón, violín... así como tamén a actuación da Banda de 3º a 6º GP que pechou o concerto co noso Himno Galego.
Houbo tamén minutos para a música tradicional galega, a cargo de dous grupos formados por alumnado dos últimos cursos de GP, e no que ata contamos con baile tradicional.
Queremos dar as grazas ao Concello de Ferrol, por cedernos o Teatro Jofre nesta data tan sinalada, e tamén o noso agradecemento aos técnicos e persoal do Jofre por tratarnos sempre de forma tan profesional.
Grazas a todo o profesorado implicado que traballou intensamente en O galego é música, o noso proxecto de visibilización da nosa música e a nosa cultura, durante todo este curso.
Grazas aos alumnos e ás alumnas que se achegaron onte ao Teatro Jofre para dar vida a toda esta música galega, e poder compartila con todos nós.
Grazas ao gran público asistente, polos seus aplausos e polo seu apoio incondicional que sentimos en cada minuto do concerto.
Agardamos que esta música galega reciba pouco a pouco o recoñecemento que merece, e forme parte do repertorio habitual das salas de concerto de Galicia e do mundo enteiro. Nós, dende o Xan Viaño, seguiremos traballando de forma incansable para cumprir este soño, sen dúbida, cada vez máis próximo.
Deixámosvos a continuación unha pequena mostra de fotos das probas acústicas.
Comentarios
Publicar un comentario