Publicacións

Recital poético no Xan Viaño!

Imaxe
Este mércores ás 12.30 temos unha cita con poesía e a música no noso auditorio. Música e poesía están íntimamente vencelladas e nesta ocasión teremos oportunidade de desfrutalos grazas ao recitado do alumnado do IES Carvalho Calero acompañados pola música creada polo noso propio alumnado. A piques de rematar este mes de marzo no que intentamos visibilizar o papel das mulleres compositoras, poñemos agora o foco nas poetisas galegas. Unha oportunidade única de coñecer novas autoras, a súa poesía, e como non, desfrutar da música. Esperemos que esta sexa a primeira das nosas colaboracións co Carvalho Calero. Vémonos este mércores no auditorio José Arriola!.  

Cancelación do concerto de Javier Otero

Imaxe
Lamentamos ter que comunicarvos que por motivos de forza maior o concerto de Javier Otero Neira do vindeiro luns 13 de marzo ten de ser adiado para unha data posterior. Unha mágoa!  

Javier Otero no Xan Viaño!

Imaxe
  O vindeiro luns 13 de marzo ás 19:30 teremos a grandísima sorte de contar con Javier Otero Neira no Xan Viaño! Un dos pianistas galegos máis destacados e cunha ampla discografía que teremos a sorte de desfrutar no noso centro. Javier Otero é un artista polifacético e experimental que nos presentará obras propias para piano e piano e electrónica, e incluso nos ofrecerá unha pequena charla. Ademais Javier convídanos a interactuar con el! Algo único! Non o perdades!

Concerto do 8M

Imaxe
Organizado pola Dinamización da Convivencia o próximo mércores día 8 teremos unha grandísima xornada no noso conservatorio con motivo do Día da Muller. Catro concertos ao longo de toda a tarde, nos que reivindicar a labor compositiva moitas veces silenciada das mulleres compositoras , e nos que como non, habéra compositoras galegas!. Non o perdades!  

Recuncho de Rosalía

Imaxe
O pasado venres inauguramos o noso recunchiño de Rosalía plantando unha camelia dedicada á nosa querida poetisa no noso xardín. Honrando os seus versos: "Como chove miudiño, como miudiño chove..." choveunos! Mais malia esa choiva alí estiveron acompañando ao EDLG os nosos queridos gaiteiros Candela e Antón interpretando a Alborada de Rosalía. Dende o EDLG queremos dar as grazas a todo o alumnado, profesorado, nais e pais que se achegaron para compartir con nós este lindo momento. Esperamos que este recuncho sexa un lugar de compartir moita poesía e como non, moita música! Canta paxariño canta Canta no Xan Viaño!  

Día de Rosalía no Xan Viaño

Imaxe
Un ano máis o Xan Viaño rinde homeaxe á nosa querida poetisa Rosalía. O Día de Rosalía pasou a celebrarse, dende o pasado ano, o 23 de febreiro e non o 24, como ata agora grazas ao descubremento da investigadora Sagrario Abelleira, que corrixiu a data de nacemento da autora. Este ano presentamos o famosísimo poema "Campanas de Bastabales". Os seus tan coñecidos e apreciados versos nas voces do noso alumnado fundido coa música de Rogelio Groba queren homenaxear á nosa autora máis universal e capaz de unir a todos os galegos e galegas. Grazas a André, Xiana, Aldara, Sara, Rubén, Isabel, Mateo e Anxo por facer que esas Campanas de Bastabales sigan dando a volta ao mundo.

Homenaxe a Rogelio Groba

Imaxe
  Recentemente a música galega chorou a perda de Rogelio Groba, figura clave da música galega. A Banda municipal de música da Cooruña quere rendirlle homenaxe este domingo ao que foi director titular da agupación dende o ano 1968 ata o 1991 cun concerto homenaxe. O grande legado musical estará sempre ligado ás bandas de música en xeral e á Banda municipal de música de Coruña en particular. Nos vindeiros meses toda Galiza homenaxeará a Rogelio Groba, e como non pode ser doutra forma, así o fará o Xan Viaño.