Aula 17: Pascual Veiga. A Banda de GP tamén con O galego é música!

A banda de GP de 3ºGP a 6º GP, uniuse tamén a nosa iniciativa de O galego é musica, preparando durante o curso pezas de compositores galegos. Trátase da coñecida Alborada galega de Pascual Veiga.

Pascual Veiga, que dá nome á nosa aula 17, naceu en Mondoñedo o 9 de abril de 1842 e faleceu en Madrid o 12 de xullo de 1906. Comezou a compoñer sendo tan só un neno e ao longo da súa vida fundou moitas agrupacións orquestrais e corais. No 1864 trasladouse a Coruña e no 1892 a Madrid, tras conseguir unha praza como profesor no Conservatorio de Música.

En 1880 estreouse a súa obra Alborada Galega durante os Xogos Florais de Pontevedra. Nove anos máis tarde, foi presentada na Exposición Universal de París de 1889 co Orfeón Coruñés dirixido polo propio Veiga, onde gañou o primeiro premio e a Gran Medalla de Ouro. A Alborada dende a súa creación, converteuse nunha das pezas galegas máis populares, contando con versión instrumental e coral.

O martes 3 de maio a banda dirixida por Óscar López, realizou o seu ensaio nos exteriores do conservatorio e puidemos escoitar entre outras obras, a Alborada de Veiga. No seguinte enlace, podedes escoitar un fragmento da Alborada Galega, durante o ensaio:


Tamén o próximo 17 de maio, poderemos escoitar á banda interpretando o Himno Galego, música composta tamén por Pascual Veiga, no Concerto das nosas Letras e as nosas Músicas, que organiza o EDLG e que terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol.

Fainos moita ilusión tras estes anos de pandemia, volver escoitar á nosa banda profesional, e emociónanos enormemente esta reaparición en público tocando música de galegos. 

Queremos amosar o noso agradecemento a Óscar, profesor de percusión e director da banda, polo seu gran traballo e implicación no proxecto. Grazas por colaborar con nós e axudarnos a visibilizar  entre toda a comunidade educativa, esta música galega que forma parte do noso patrimonio cultural.

Como dixemos anteriormente, a música do Himno Galego é tamén de Pascual Veiga e a letra de Eduardo Pondal. Recordamos tamén na seguinte ligazón a fermosa versión do Himno Galego que interpretou o alumnado de linguaxe musical baixo a dirección da súa profesora Catuxa Pita o curso pasado, e que cada vez que escoitamos nos enche de emoción.





Comentarios

Publicacións populares deste blog

Recuncho de Rosalía

I Concurso Falamus!

Día de Rosalía no Xan Viaño