Aula 14: Xoán Montes. Negra sombra.
Cando penso que te fuches
negra sombra que me asombras,
ó pe dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino que es ida
no mesmo sol te me amostras
i eres a estrela que brila
i eres o vento que zoa.
Si cantan, es ti que cantas
si choran, es ti que choras
i es o marmurio do río
i es a noite, i es a aurora.
En todo estás e ti es todo
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.
Con estes intensos versos de Rosalía de Castro (1837-1885) compostos dende a profundidade da alma, Xoán Montes (1840-1889) inspirouse para crear a súa fráxil pero fermosísima melodía da peza Negra sombra composta en 1892 para o Certame Literario, Científico e Musical de Pontevedra. O impacto causado pola maxestosa combinación de notas e conxugacións dunha melodía tan simple, tan sinxela pero tan sublime á vez, fíxolle proclamarse gañador do accésit no concurso nomeado.
Esta peza, escollida e gravada polos dous grandes profesores do noso conservatorio José Luis Vázquez Lorenzo (clarinete) e Iria Hevia Gómez (piano), amosa unha mestura de sons máxica que fusiona o timbre do clarinete co rexistro grave do piano, logrando unha fusión practicamente espiritual enxalzando a sombra, valga a redundancia, de Rosalía de Castro (“eres a estrela que brila -clarinete- eres o vento que zoa -piano-”).
Negra sombra de Xoán Montes, é recoñecida internacionalmente como unha das pezas mais famosas e fermosas do patrimonio musical galego, e a historia que a envolve fala indirectamente dunha homenaxe sen palabras ao seu amigo Alejandro Berea. Para a súa elaboración, Montes baseou o seu tema principal dun alalá tradicional galego proveniente de O Incio (Lugo), recollido no Cancioneiro Musical de Galicia de Casto Sampedro.
Comentarios
Publicar un comentario