O galego é música no Plan Proxecta +

O pasado venres saía publicada a listaxe de centros admitidos para a súa participación no Plan Proxecta + durante o curso 2021/22, e o Xan Viaño aparecía como centro seleccionado nos dous proxectos solicitados: Música Mestra! e O galego é música!


Plan Proxecta + é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que fomenten o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial, pero que ademais estean comprometidos coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030. Como recolle a Consellería na súa convocatoria, trátase dun plan que busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. 


O noso proxecto O galego é música, pertence á categoría de Proxecto de innovación educativa en Dinamización lingüística dentro deste Plan Proxecta +. Dende o EDLG sentímonos moi orgullosos, pois era a primeira vez que o CMUS Xan Viaño se presentaba a estes proxectos, e soamente había vinte prazas dispoñibles en toda Galicia para proxectos de innovación en Dinamización lingüística, nos que o Xan Viaño foi seleccionado.


O galego é música, é un proxecto que busca a promoción da nosa cultura e da nosa lingua a través da visibilización dos intérpretes e compositoras e compositores galegos. Nos nosos auditorios e conservatorios, apenas se programan obras creadas por compositoras e compositores nados en Galicia, polo que é preciso sacar á luz todo este valioso patrimonio cultural oculto, e instauralo nas nosas ensinanzas de música. É necesario manter viva a memoria e a obra dos compositores históricos galegos, así como proxectar ás novas figuras do panorama musical, que forman parte da bagaxe artística e cultural galega, e que lamentablemente moitas veces son descoñecidas e incluso esquecidas. 


A través de moitas iniciativas que temos deseñadas e que realizaremos ao longo do curso, aproximarémonos a estas figuras galegas e poñeremos en valor a súa obra, achegando as súas creacións ao noso alumnado - os futuros músicos e músicas galegas - á nosa comunidade educativa e a toda a sociedade.


O galego é música, acompañádenos na nosa andaina musical galega!


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Recuncho de Rosalía

I Concurso Falamus!

Día de Rosalía no Xan Viaño