Chegou o Entroido a Galiza


Neste ano tan diferente, non debemos esquecer a importancia do Entroido, unha das festas máis tradicionais e enxebres de Galiza!

A súa orixe está nas celebracións das tarefas agrarias e a chegada da primavera, pero ten elementos de orixe romana, cristiá e medieval. De feito Entroido, provén do latín do termo introitus, que significa entrada e que anuncia a chegada dunha nova estación, a primavera. Tamén é coñecido como carnaval, xa que para os cristiáns esta festa significa a despedida da carne antes da abstinencia da Coresma.

En definitiva, o Entroido é unha época de festa e moita diversión no que o máis importante é disfrazarse, gozar das comidas típicas e pasalo ben!

Hoxe invitámosvos a que escoitedes dúas obras importantes da historia da música, que fan referencia a esta festa tan singular: O Carnaval Op. 9 de Robert Schumann e o Carnaval dos animais de Saint-Saëns.

Deixámosvos o enlace dun concerto didáctico no conservatorio para escolares, no ano 2012, onde profesores do conservatorio interpretaron o Carnaval dos animais. A pesar da baixa calidade da gravación, pensamos que merece a pena compartilo con vós, xa que foi unha experiencia marabillosa tanto para os nenos e nenas asistentes, como para os profesores e profesoras que realizaron o proxecto  con moitísima ilusión. Esperemos que pronto poidamos volver a facer concertos didácticos tan especiais, e encher o noso auditorio con nenos e nenas desexosos de que comece o espectáculo!





Comentarios

Publicacións populares deste blog

Recuncho de Rosalía

Rosa de abril

I Concurso Falamus!