Amodiño ma non troppo, o novo blog da Lingua Galega do Xan Viaño
Amodiño ma non troppo, o novo blog do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CMUS Xan Viaño de Ferrol, xa está en marcha e faino con toda a ilusión do mundo!
Novas ideas, novas iniciativas... un curso máis seguiremos traballando a prol da lingua e cultura galega, convidando a toda a comunidade educativa a participar con nós.
Lamentablemente este ano por mor da Covid-19 non poderemos realizar de xeito presencial moitos dos nosos proxectos, pero a través das redes sociais e deste blog, Amodiño ma non troppo, farémosvos chegar diferentes propostas que temos programadas, referentes á lingua e á música galega, á nosa cultura e tradicións.
En canto ao nome elixido para o Blog, Amodiño ma non troppo, probablemente vos preguntaredes que ten de relación co noso conservatorio… Pois que saibades, que a primeira revista que se publicou no centro, levaba este nome, e foi creada alá polos anos 90 polo mestre Teo Ramírez. Nela había composicións, debuxos, pasatempos musicais e fotos de cursos… algo semellante á nosa actual revista Falamus. Moitas grazas a Teo, por compartir a portada da revista que nos serviu de fonte de inspiración para o nome do blog.
Para rematar, queremos tamén dar as grazas a compañeiras e compañeiros que nos están a axudar a cotío. Grazas nesta ocasión a Alexandra e Catuxa Pita pola súa axuda incondicional e a Suso Iglesias pola fermosas fotos do conservatorio que tomou expresamente para nós.
Comentarios
Publicar un comentario